A remodelación forma parte do proxecto "Río Miño: un destino navegábel" e permitirá o atraque de barcos turísticos.
O Pantalán de Pescadores de Tui, situado nas inmediacións do Centro Interfederado de Tui, na desembocadura do río Tripes vai ser reacondicionado e remodelado dentro do proxecto "Río Miño: un destino navegábel" aprobado polo programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP). As obras foron adxudicadas a empresa tudense Ronáutica Quality Marinas S.L por un importe de 47.884.30€
A remodelación prevista permitirá o uso compartido desta infraestrutura para o atraque de barcos turísticos que naveguen polo Miño e os pescadores e particulares que utilizan actualmente este pantalán como punto de amarre. As actuacións previstas dentro deste Programa farán posible colocar o río Miño transfronteirizo como un destino turístico de referencia, potenciando actividades de turismos sostible como rutas polo río que inclúan visitas a distintos puntos das beiras do Miño. Para acadar estes obxectivos faise imprescindible a mellora da navegabilidade neste tramo, para o que, ademais doutra serie de actuacións, é necesario instalar pantaláns de atracada que faciliten o acceso ás diferentes zonas que se propón visitar.
Os traballos previstos contemplan a substitución do chan de madeira existente no pantalán por un piso de composite, a substitución da pasarela existente por unha nova máis ancha, e o cambio da plataforma de acceso actualmente en terra por unha estrutura de aluminio con piso de composite. Ademais, tamén levarase a cabo o recrecido dunha das patas do tramo fixo, a substitución do portalón existente por un situado no tramo fixo de acceso, e a montaxe dunha peza de conexión co pantalán, en forma de T baixo a pasarela e o atraque.
Ademais con esta remodelación dotarase de mobiliario a zona instalando dous bancos de 1,8 metros de lonxitude, e unha pérgola de 4x2 metros cadrados con estrutura de perfís de aluminio encostados ao muro traseiro e lamas de aluminio orientables mediante un dispositivo manual. Amais colocarase un cartel indicativo de madeira serigrafiado de 1,60x1,0 metros, e instalarase dúas setas de sinalización nas proximidades deste pantalán.
08 Julho 2021
O Concello de Tui reformará o Pantalán de Pescadores na desembocadura do Tripes con cargo a fondos europeos