Este venres, 25 de febreiro, póñense en funcionamento as rutas do proxecto “Río Miño, un destino navegable” que comparten os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, as cámaras municipais de Valença e Monção, con Turismo de Galicia, Turismo Porto e Norte de Portugal e Xunta da Galicia.
As rutas establecidas, que terán carácter gratuíto, brindarán unha experiencia turística única entre catro cidades de dous países unidas polo río Miño. As oficinas de turismo de cada municipio serán o punto de partida para un percorrido que permitirá coñecer os conxuntos históricos de Tui, Valença, Salvaterra e Monção, gozar da súa gastronomía, as compras, e amais navegar polo río Miño entre os municipios que conforman cada unha destas dúas Eurocidades. Son oito horas de actividades nas que un tren turístico realizará a unión entre os centros históricos e o pantalán de atraque da embarcación.
Este mediodía Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, José Manuel Carpinteira, presidente da Cámara de Valença, Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra, e Laura González- Dopeso Portela de Turismo de Galicia, realizaron unha viaxe entre Tui e Valença. Neste primeiro percorrido en barco puideron admirar a Eurocidade Tui-Valença dende o río, coa ponte internacional, a fortaleza e o conxunto histórico coma grandes protagonistas.
A partir de mañá as persoas interesadas poderán realizar as súas reservas en https://www.hemisferios.org/ para realizar as rutas a partir deste venres, 25 de febreiro, con carácter gratuíto. Na mesma inclúese o percorrido con guía polos conxuntos históricos, o transporte en tren turístico, e a viaxe en barco, sendo a comida por conta do participante. Cada ruta ten unha participación mínima de 7 persoas e máxima de 15.
Esta primeira semana do venres 25 de febreiro ao domingo 6 de marzo o barco realizará as viaxes entre Tui e Valença, e a partir do luns 7 o percorrido será entre Salvaterra e Monção. Iranse alternando así as saídas semanalmente entre as Eurocidades participantes no programa.
Ofértanse un total de 6 rutas con hora previsto de inicio ás 10 h. Haberá catro rutas curtas entre Tui-Valença, Valença-Tui, Salvaterra-Monção e Monção-Salvaterra.
A ruta corta entre Tui e Valença parte da Oficina de Turismo de Tui, no Paseo da Corredoira. Dende aquí as persoas participantes, acompañados dun guía, visitarán o conxunto histórico de Tui presidido pola Catedral, e irán camiñando até o embarcadoiro de pescadores no Paseo fluvial. Tras embarcar poderán coñecer Tui e Valença dende o río , para volver ao embarcadoiro onde os agardará un tren turístico que os levará até a Fortaleza de Valença cruzando pola vella Ponte Internacional. Aquí terán tempo libre para xantar e continuarán logo coa visitando o centro histórico. Finalmente no mini-bus regresarán á Oficina de Turismo de Tui.
En sentido inverso irá a ruta curta entre Valença e Tui que comezará na Oficina de Turismo de Valença, na Porta do Sol, para visitar o centro histórico, cruzar no tren turístico pola vella Ponte Internacional até o embarcadoiro, e tras o paseo en barco visitar o conxunto histórico de Tui. O tren levará de novo aos participantes ao punto de partida en Valença.
O mesmo acontece coa dúas rutas curtas entre Salvaterra e Monção, partindo das oficinas de Turismo de cada municipio, percorrendo ambos conxuntos históricos, e atravesando en tren turístico a ponte internacional até o embarcadoiro ou dende o embarcadoiro en Salvaterra. Aquí no paseo en barco poderanse ver as pesqueiras empregadas para a pesca da lamprea.
Asemade establécense dúas rutas longas Tui-Salvaterra-Monção-Valença, nas que sempre que as condicións de navegabilidade o permitan o percorrido entre Tui e Salvaterra, e viceversa, será en barco ou en caso contrario en autobús.
Por outra banda, as dúas Eurocidades ofrecen aos visitantes a posibilidade de realizar unha viaxe gratuíta en barco, que terá lugar todos os días, con saída ás 16:00 horas, previa inscrición previa, a partir das 14:30, no quiosco de información, situado nos peiraos de Salvaterra e Tui. Estes percorridos fluviais prometen ofrecer, dende o río, unhas fabulosas vistas dos cascos históricos dos 4 concellos.
O proxecto “Rio Miño, un destino navegable” realízase ao abeiro do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).