Monte Aloia
Espazo natural

Monte Aloia

Próximo a Tui e integrado na Serra do Galiñeiro, o Monte Aloia ten uns 10 km de sendas nunha paisaxe singular. É o resultado dunha exótica repoboación realizada hai 100 anos con cipreses, abetos e cedros do Líbano. 

Flora

É abundante a vexetación arbustiva do toxo, queiruga (Calluna vulgaris), xesta e carpazas. Quedan algúns restos de caducifolio autóctono como carballeiras de carballo común (Quercus robur, árbore dominante antes das repoboacións do século XX), sobreirais (Quercus suber, que indica certa mediterraneidade no clima) e vexetación de ribeira composta por, entre outras, amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea). Tamén é frecuente a presenza de sanguiño (Frangula alnus), bidueiro (Betula alba), castiñeiro (Castanea sativa), acivro (Ilex aquifolium), érbedo (Arbutus unedo), estripeiro (Crataegus monogyna), abruñeiro (Prunus spinosa), pereira brava (Pyrus cordata) e abeleira (Corylus avellana). En 1910 comezou a repoboación do monte con piñeiros —do país (Pinus pinaster), silvestre (Pinus sylvestris) e radiata (Pinus radiata)— e establecéronse masas de árbores exóticas dando lugar a un arboreto de grande interese. O eucalipto (Eucalyptus globulus) tamén foi intoducido en grandes cantidades, constituíndo canda o piñeiro a base arbórea do monte.

Fauna

A máis abondosa é a típica de monte interior: Mamíferos: raposo, coello, ourizo cacho, xeneta, morcego grande de ferradura. Aves: perdiz rubia, miñato común, lagarteiro, avelaiona, verderolo común, pombo torcaz, paporroibo, gaio, ferreiriño bacachís, azor. Anfíbios: lagarto arnal, tritón verde, saramaganta, lagarta galega, ra patilonga, víbora de Seoane, cobra de colar.

 

 

 

  • Vistas
  • Capela de San Xiao
  • Merendeiro Aloia