Senda río Tea
Sendeiros

Senda río Tea

Senda río Tea

Na beira do río Tea hai un camiño que une a desembocadura do río con Ponteareas. Percorrendo os 9 km que circulan polo concello, podemos iniciar a ruta dende o parque de Canuda (Salvaterra de Miño). Por este camiño podemos gozar dun agradable paseo á beira do río cun bosque de ribeira ben conservado que se intercala con zonas de cultivo.

Na época estival podemos gozar de pequenas praias fluviais onde darse un chapuzón, merendeiros con mesas onde descansar, comer algo e recargar as pilas.

Destaca tamén a existencia dunha pista de slalom para a práctica de augas bravas na zona do Cordeiro, xusto debaixo da ponte que leva o seu nome. A 2 km da desembocadura atoparemos a Ponte de Fillaboa, que data do século XV. Ao longo do camiño atoparemos tamén restos de antigos muíños de auga, estando preto do límite do concello onde atoparemos o maior dos muíños deste tramo fluvial, hoxe en ruínas pero usado ata mediados do século pasado.