Pazo San Mauro
Ruta turística patrimonial

Pazo San Mauro

Pazo San Mauro

A capela do pazo, consagrada a San Amaro, dálle o nome a esta construción situada á beira do Miño, na parroquia de San Pablo de Porto, aínda que tamén se coñece como Pazo de Porto. Ao conxunto pacego tamén pertence unha praia e unha illa no río, ademais dun extenso viñedo.

No alto, dominando todo o panorama ata o río, está a casa, de traza sinxela e amable. Fronte a ela, na outra beira do Miño, en Portugal, está a esvelta torre de Lapela.

O edificio foi morada principal dos Pereira de Castro, liñaxe que se ramificOU por todo o territorio da Galicia histórica. Foi o Marqués Pedro Vaz Pereira de Castro, a quen se debe a construción deste fermoso pazo en 1591, segundo contémplase na inscrición que acompaña ao escudo principal do edificio:

"ESTA CASA MANDO AZER P. VAZ PEREIRA- HIJO DE VAZ PEREIRA DE CASTRO. A. 1591"

Probablemente construísese sobre as ruínas dalgunha torre defensiva existente en resposta a torre fortificada situada en fronte, no pobo luso de Lapela, en tempos de hostilidades entre ambos os países.

No ano 1960 a familia Villar comprou todo o conxunto pacego, acometendo posteriormente a transformación agrícola da leira para convertela posteriormente en explotación vitivinícola debido á alta calidade conseguida polos viños nestas terras.

Dentro da leira, dunhas 30 hectáreas, atopamos varias edificacións. A casa presenta planta en " L", e as dependencias secundarias foron rehabilitadas como adegas. Podemos ver tamén un hórreo de cinco claros de madeira e pedra, que constitúe un recordo dos espléndidos tempos agrícolas da casa.

A entrada principal era por un camiño que dá a un portalón de pedra ameado tralo que atopamos un patio axardinado con plantas olorosas e unha fonte, e que era onde antes estaban as cabalerías e as dependencias do servizo.

A capela de San Amaro foi construída como edificio independente en 1582, anos antes de que se construíse o propio pazo (1591). Sometida a unha recente restauración, esta capela merece unha mención especial pola súa antigüidade, beleza arquitectónica e á tradicional romaría que cada 15 de xaneiro celébrase en honra a San Amaro.

Hai un total de cinco escudos repartidos entre os distintos edificios. Na fronte da capela atopamos dous: no da esquerda pódense apreciar as armas dos Pereira e dos Castro, que se corresponden coa ascendencia materna do promotor da obra, mentres que no da dereita están as dos Lobato e dos Bacelar, que se corresponden coa ascendencia paterna. Outro dos escudos está entre as dúas portas da fachada principal (ao norte) do pazo, e inclúe os distintivos dos Sotomayor xunto cos doutra liñaxe cuxas armas parecidas ás dos Bugarín. No alto da parede do patio orientada ao nacente hai un pequeno escudo coas armas dos Lobato, e neste mesmo patio, na parede que mira ao mediodía, atopamos o escudo máis valioso da casa no que quedan reflectidos os Castro, os Pereira, os Lobato e os Bacelar.