Río Tea
Nace da confluencia de dous brazos, dos cales un nace na parte sur da Serra do Suído, a uns 900 msnm, e outro a 940 msnm no Faro de Avión, no límite entre as provincias de Ourense e Pontevedra.
Baña os concellos de Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño, onde desemboca no Miño. A súa conca cobre unha área de 411 km². O Tea é un río de característico réxime pluvial. O seu caudal medio é de 17,5 m³/s. O seu percurso inicial é encaixado, abríndose xa no val de Mondariz, atravesando logo pola vila de Ponteareas, antes de ir ao Miño.
Entre os seus afluentes destaca o Alén, pola dereita, que recibe aínda na montaña. Xa no curso baixo úneselle o Uma pola esquerda. A meirande parte do río está declarado como zona especial de conservación (ZEC) río Tea, xunto con varios dos seus afluentes, como os ríos Alén, Xabriña ou o rego de Borbén