Pazo de Lira
García de Lira (fillo de García Bermúdez, froito á súa vez das relacións que o conde Bermudo Pérez de Traba mantivo con Godina da Matogueira), é o primeiro personaxe de apelido Lira, do cal se teñen novas.
Durante xeracións non se apartaría este apelido da importante casa solar de Lira, unha das máis nomeadas e con ramificacións por toda Galicia, chegando mesmo a Chile, probablemente buscando mellor fortuna tras os reveses sufridos pola familia como consecuencia das desavinzas existentes con Portugal no século XVII.
A historia da casa correu paralela á polémica suscitada a partir dos dous fillos maiores de Diego López de Lira, “o Vello”, chamados Juan Francisco e Rodrigo Troncoso de Lira, os cales se facían chamar "señores de Lira", como o farían os seus sucesores, o que indica que a titularidade da casa atopábase dividida en dúas porcións.
Dada a súa antigüidade, o edificio actual é consecuencia das sucesivas transformacións e reformas acometidas en distintas épocas polos seus propietarios con obxecto de ir adaptándoo ás necesidades de cada momento. O Pazo de Lira presenta planta en " L". Ten unha torre no ángulo, con planta cadrada e cuberta a catro vertentes. Unha edificación anexa por un lateral, completa o conxunto cun formato en " U". A torre, con gárgolas e finalizada con ameas, está brasonada con dous escudos de armas, e debe recoñecerse como a parte máis antiga do pazo a partir da cal naceu a vivenda anexa.
Á beira da torre, atopamos unha capela tamén brasonada cun escudete situado sobre o lintel da porta frontal. Fáltalle o teito, aínda que as súas paredes, ben labradas, mantéñense firmes. No interior, a ambos os dous lados do altar, pode lerse unha inscrición gravada na parede, alusiva aos seus fundadores.
As armas dos Troncoso e Soutomayor están representadas na Capela. O modesto portalón da entrada presenta un escudete de pedra, moi erosionado, no que se aprecian os axadrezados dos Sotomayor. O escudo esquerdo da torre mostra as armas dos Lira, mentres que no da dereita dispóñense as dos Pereira, Troncoso de Lira e Soutomayor, Castro e Correa.