Pazo da Fillaboa
Ruta turística patrimonial

Pazo da Fillaboa

Pazo da Fillaboa

Fai un dous mil anos os romanos xa ordenaban o cultivo de viñas na Fillaboa.

A sublevación portuguesa de 1640 obrigou ao Marqués de Tavara, gobernador de Galicia, a fortificar esta leira. Finalizados os acontecementos bélicos que motivaran a súa existencia, a Fillaboa coñeceu días máis tranquilos transformándose o forte en quinta de descanso.

No século XVIII era propiedade do Conde de Salvaterra e Marqués de Sobroso, pasando tras varias xeracións a mans da duquesa de Híjar, a cal a vendería en 1884, xunto co castelo do Sobroso, a D. Manuel Bárcena e Franco I, conde de Torrecedeira.

Bárcena comezou a cultivar viñedos e a producir caldos coa etiqueta "Viño do Condado Fillaboa", e a excelencia dos seus viños foi coñecida en Cuba, Arxentina e Francia grazas ás exportacións realizadas en 1900.

Da primitiva adega só consérvanse os muros de pedra e algúns elementos do vello pazo entre os que sobresae a escalinata e balaustradas exteriores, a gran capela, o hórreo de cinco claros e o pombal. O estado de conservación é bo, pero moi modificado.

O escudo está desprazado da localización orixinal, e atopámolo na torre do pazo. Mostra o seu campo cuartelado en cruz coas armas dos Sarmiento e Sotomayor.

A adega foi adquirida por Alejandro Barreiras en 1955, pasando máis tarde a formar parte da sociedade anónima Granxa Fillaboa. Posteriormente foi adquirida a finais do ano 2000 polo Grupo Masaveu, que baixo o nome de Adegas Fillaboa duplicou a extensión da plantación pasando a ter 70 hectáreas, converténdose na leira máis grande do catastro de Pontevedra.