Parque da Canuda
Salvaterra de Miño é unha das localidades españolas con maior índice de superficie verde por habitante, co Parque da Canuda como recurso natural destacado.
Este parque, situado xusto á beira do río Miño, está considerado o máis grande de toda Galicia, cunha superficie aproximada de 200.000 m², e está aberto ao público todos os días do ano.
Deste recurso natural e fonte de ocio, non só cabe destacar a gran variedade de árbores, plantas, animais de granxa ou aves que podemos atopar, senón tamén o inesgotable número de instalacións recreativas e deportivas, entre as que destacan as seguintes: o circuíto viario infantil (con sinais e semáforos); o gran parque infantil; a Zona destinada a xogos tradicionais (mesas de ping-pong, xadrez, parchís ou mariquitilla); a Zona de Rehabilitación e Ximnasia para maiores de 16 anos; fontes ornamentais; a Charca dos Patos; o gran Lago; o anfiteatro ao aire libre; a Exposición de apeiros agrícolas; o Xardín con plantas medicinais, froiteiras ou roseiras; o Xardín Botánico de Orquídeas (con máis de 150 especies); a Aula da Natureza e as instalacións polivalentes; as piscinas municipais (abertas no verán) ou as pistas de tenis, fútbol, baloncesto e skate.
Tamén conta con dúas zonas de merendeiro, unha na entrada principal e outra na segunda entrada xunto ao gran parque infantil.
Así mesmo, entre os servizos ofertados destacamos os seguintes: Aseos públicos (incluídos baños para minusválidos); bebedoiros; Merendeiro exterior (con mesas e bancos de pedra); Prensa Diaria; Bancos de madeira para descanso distribuídos por todo o parque; Música de fondo e servizo gratuíto de aluguer de bicicletas (consultar dispoñibilidade).
Ademais, o parque da Canuda é o punto de partida de varias rutas de sendeirismo que transcorren paralelas ás ribeiras dos ríos Miño e Tea. Estas sendas fluviais son practicables durante todo o ano, tanto a pé como en bicicleta.
En definitiva, o Parque Público da Canuda é un lugar perfecto para a desconexión diaria e a contemplación da natureza. Un lugar, ademais, onde divertirse, xogar ou practicar deporte tamén teñen cabida. Un lugar para vivir, para sentir, pero, sobre todo, para contar.