Nova oficina de Turismo de Tui
02 Febreiro 2022
A nova oficina de Turismo de Tui, un espazo para o futuro turístico da cidade

Este novo equipamento executouse ao abeiro do proxecto “Río Miño: un destino navegable”.

O Concello de Tui inaugurou este mediodía a nova Oficina de Turismo executada ao abeiro do proxecto “Río Miño, un destino navegable” financiado con fondos europeos. Un novo equipamento que marca un antes e un despois na atención os visitantes e peregrinos na cidade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias entreviron no acto inaugural no que estiveron presentes tamén a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, xunto aos representantes dos outros socios do proxecto o concello de Salvaterra, as cámaras de Valença e Monção, e Turismo Porto-Norte. Na súa intervención o alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que "hoxe é un día importante e moi importante para Tui, porque cumprimos un vello desexo de re-localizar a oficina de turismo neste local moi emblemático e con moita historia". Engadiu que con este cambio “gáñase en presencia nunha zona tamén moi emblemática coma é o Paseo da Corredoira, gáñase en accesibilidade, e polo tanto entendemos que esta oficina nestes momentos está a dar resposta ás esixencias que nestes momentos hai en materia de información e atención a todas as persoas que nos visitan".

Coa nova oficina preséntase tamén unha nova marca turística, un novo material de promoción, polo que dicía o rexedor tudense “dignificamos algo tan elemental coma é dar un servizo de calidade a todas aquelas persoas que nos visitan, e que ademais afortunadamente son moitas". 

Salientou Enrique Cabaleiro que "o turismo é hoxe un dos elementos principais de desenvolvemento económico do noso territorio, e polo tanto debemos implantar cantos instrumentos sexa necesarios para a posta en valor deste magnífico territorio que temos".

Esta mañá o alcalde de Tui destacou que en xaneiro a Oficina de Turismo, localizada até o de agora na praza de San Fernando contabilizou  “os mellores datos de turismo da historia dende cando se teñen rexistros".  Tamén aludiu a colaboración entre municipios indicando que “compartimos un territorio onde temos intereses compartidos e debemos definir estratexias que poidan sacar adiante eses intereses”.  Rematou con palabras de agradecemento para todos os que fixeron posible facer realidade este proxecto, con especial referencia ao ex-alcalde de Salvaterra, Arturo Grandal, a quen sinalou coma “o ideólogo deste magnífico proxecto”.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, amosou o ser orgullo por ser tamén un dos socios do proxecto Río Miño, Destino Navegable que indicou “é un claro exemplo da colaboración interinstitucional e “ten moitos visos de crecemento”. Afirmaba que "o turismo tranquilo en contacto coa natureza aquí o ten todo” ao tempo que desexou moitos éxitos á nova Oficina de Turismo.

Mentres a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, indicou que “este gran proxecto Río Miño, Destino Navegable, ten unha grandísima capacidade de crecemento, ten unha grandísima capacidade de atracción turística, e de seguro que nos vai valer para poñer, unha vez máis, a Galicia e ao Norte de Portugal, no mapa turístico que se merecen”.

Hoxe presentou tamén novo material de divulgación e información que transmite dun xeito visual e atraínte as áreas de interese e os puntos icónicos de cada un dos municipios, poñendo de relevo a riqueza turística. Así editouse un novo mapa ilustrado e informativo no que o Miño é o eixo central abranguendo as dúas Eurocidades Tui-Valença e Salvaterra-Monção, e reflectindo no mesmo as localizacións máis importantes dos catro municipios. Está editado en catro idiomas: galego, castelán, portugués e inglés. Tamén foron editados diplomas infantís nos que se propoñen aos cativos e cativas xunto ás súas familias que atopen catro puntos do mapa, un por municipio.

Ao remate do acto inaugural as autoridades realizaron unha visita guiada polo conxunto histórico de Tui da man da historiadora Sara Quintana.

NOVAS SIMILARES

23 Decembro 2022

O Concello de Monção recibe o vindeiro 28 de decembro unha iniciativa cultural e turística no marco do proxecto “Río Miño: un destino navegable”, en colaboración con Turismo Porto e Norte. O…

29 Novembro 2022

Os socios do mesmo amosaron o seu interese en poder darlle continuidade a esta iniciativa.

A ruta fluvial do río Miño da que entre febreiro e outubro gozaron 5.400 persoas foi unha das…

11 Novembro 2022

As actuacións desenvólvense nas Eurocidades de Valença-Tui e Monção-Salvaterra de Miño. As inscricións están abertas, cada unha limitada a un máximo de 20 participantes

Dentro do proxecto…